Pechada a reserva de Lotes para a XLIX Festa do Carneiro ao Espeto.

Pechada a reserva de Lotes para a XLIX Festa do Carneiro ao Espeto.

MORAÑA PECHA A RESERVA PARA O XANTAR DA FESTA DO CARNEIRO Ó ESPETO CUN DÍA DE ANTELACIÓN AO CHEGAR AO TOPE DE 140 LOTES E 2.800 COMENSAIS

O Concello de Moraña acaba de pechar a reserva de lotes para o multitudinario xantar popular da XLIX Festa do Carneiro ao Espeto, que terá lugar o vindeiro domingo 29 de xullo, ao chegar ao tope de 140 lotes cun día de antelación sobre o prazo máximo establecido. Deste xeito, as reservas completaron todo o espazo dispoñible na Carballeira de Santa Lucía e confirmaron, un ano máis, o éxito e o tirón desta festa gastronómica, declarada de Interese Turístico de Galicia no ano 2006.
Con estas cifras, e dado que cada lote de Carneiro ó Espeto atenderá a unha vintena de comensais, un total de 2.800 persoas xa teñen confirmada a súa presenza na comida popular desta cita gastronómica e ateigarán a vila o vindeiro domingo.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, amosou a súa satisfacción porque se completaran todas as prazas para o xantar popular do Carneiro, “o que demostra que a festa vai por moi bo camiño, xa que esperta un gran interese, e que a calidade do produto e o prestixio dos nosos mestres asadores son recoñecidos e cada vez máis coñecidos en toda Galicia”.
“É un orgullo ver como, ano tras ano, enchemos as case 3.000 prazas da Carballeira de Santa Lucía e ademais que o conseguimos un pouco antes de que se peche o prazo máximo”, explicou a rexedora, que indicou que “é unha mágoa que non dispoñamos de máis espazo, porque estou segura de que tamén o completariamos”.
Polo demais, nesta fin de semana de vésperas da cita gastronómica, Moraña vai intensificar a súa programación da festa desde esta noite co espectáculo “Historias que veñen e van”, de Cándido Pazo, e, xa mañá, co festival folclórico de música e baile tradicional de Seixebra desde as 20.00 horas na parte traseira da Casa da Cultura.
Xa o domingo, haberá a VI Carreira Carneiro ó Espeto desde as 10.30 horas, que pechou a inscrición con 330 deportistas individuais e 70 parellas, e xa ás 21.30 horas na Casa da Cultura a obra teatral “O caso é ter saúde”, da compañía Malasombra.