A 51ª Festa do Carneiro comezará O 11 de Xullo cun “Espétalle un Pincho” especial

A 51ª Festa do Carneiro comezará O 11 de Xullo cun “Espétalle un Pincho” especial

CONCELLO E HOSTALARÍA INICIARÁN A 51ª FESTA DO CARNEIRO O 11 DE XULLO CUNHA NOVIDOSA DEGUSTACIÓN DE PETISCOS NA CARBALLEIRA

O Concello de Moraña e os sectores da hostalaría e a restauración van iniciar as actividades gastronómicas da 51ª Festa do Carneiro ao Espeto o vindeiro sábado 11 de xullo coa novena edición da iniciativa “Espétalle un Pincho”, que nesta ocasión estreará formato cunha novidosa degustación de petiscos na Carballeira de Santa Lucía.
Esta cuestión e outras referidas á exaltación gastronómica deste ano, que vai ter bastantes cambios e restriccións, como a supresión da comida popular, por cuestións sanitarias, foron abordadas esta tarde pola alcaldesa, Luisa Piñeiro, e os concelleiros José Cela e María José García nunha xuntanza cos hostaleiros e restauradores de Moraña celebrada na Casa da Cultura.
Na mesma, acordouse que “Espétalle un Pincho” cambie o seu formato, xa que terá lugar en horario de tarde-noite e ao aire libre con casetas, unha por establecemeneto participante, e cunha intensa colaboración por parte do Concello, que aportará o produto e se encargará da promoción entre a veciñanza.
Así mesmo, no encontro a rexedora explicou as liñas xerais desta edición da festa, na que deixou claro que primará exclusivamente o criterio sanitario sobre o lúdico, pero que o Concello quixo manter aínda que fora de xeito distinto e seguro para seguir coa promoción de Moraña e co favorecemento da reactivación económica.
A alcaldesa explicoulles, ademais da cancelación da comida popular, que haberá asado de carneiros e venda de lotes e tamén algunhas actividades culturais e sociais co absoluto respecto ás normativas de seguridade e distancia, aínda que adiantou que non se celebrarán verbenas polo risco de contacto físico.
Así mesmo, tamén lles indicou que se lles concederán permisos especiais para a instalación de barras no exterior co obxectivo de evitar aglomeracións dentro dos locais e animounos a ofrecer comidas de Carneiro, tanto para levar como para degustar nos seus locais co cumprimento dos aforos, xa que considera que pode ser importante para a súa reactivación.