Moraña celebrará a 51ª Festa do Carneiro ao Espeto coa “máxima seguridade sanitaria”

Moraña celebrará a 51ª Festa do Carneiro ao Espeto coa “máxima seguridade sanitaria”

MORAÑA CELEBRARÁ A 51ª FESTA DO CARNEIRO AO ESPETO COA “MÁXIMA SEGURIDADE SANITARIA” SUPRIMINDO A COMIDA POPULAR NA CARBALLEIRA

O goberno local de Moraña vén de decidir o mantemento da celebración da 51ª Festa do Carneiro ao Espeto, aínda que nesta ocasión terá un formato diferente e desenvolverá todas as súas actividades coa “máxima seguridade sanitaria” pola crise do coronavirus, polo que xa está decidida a supresión da multitudinaria comida popular na Carballeira de Santa Lucía, que adoita reunir a 3.500 persoas.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, tras reunirse co resto do executivo local, explicou que esta edición, cuxo día grande mantense fixado para o domingo 26 de xullo, vai conter actividades diversas e para todos os públicos durante todo o mes, “pero respectando de xeito estrito e escrupuloso todos os protocolos de saúde e cun formato eminentemente familiar e veciñal, e sempre que non se produza ningún rebrote que non desexamos nas vindeiras semanas, xa que nese caso anularíase todo”.
“Imos tentar manter unha programación o máis similar posible á de anos anteriores para que o Carneiro siga sendo o gran embaixador de Moraña e para que todo o noso tecido comercial, hostaleiro e económico poida acelerar a súa recuperación, pero nesta ocasión o principal e único criterio é o sanitario, non o festivo, e por iso xa anunciamos que a comida na carballeira non vai poder celebrarse, que é algo que lamentamos, pero imos ser prudentes e responsables”, explicou a rexedora, que en todo caso anunciou que, se non hai contratempos, si haberá o tradicional asado de carneiros ao aire libre para que os veciños poidan degustar o noso prato estrela e nos vindeiros días decidiranse as distintas opcións.
Piñeiro tamén comentou que, ademais do Carneiro e a veciñanza, o tercer gran eixo desta edición especial será o sector da hostalaría e a restauración de Moraña, xa que reforzarase a tradicional colaboración co mesmo co obxectivo de axudalo a impulsar a reactivación e a recuperación tras dous meses moi complicados polo seu peche a causa do Estado de Alarma. As iniciativas nesta materia comezarán con varias semanas de antelación á festa a través de “Espétalle un Pincho”.
Polo demais, tamén haberá actividades musicais, de lecer e culturais paralelas á cita gastronómica, pero serán principalmente de asento e co cumprimento estrito dos aforos e da distancia social de seguridade. Toda a programación darase a coñecer ao longo dos vindeiros días.