Apertura de Reserva de lotes da 51ª Festa do Carneiro ao Espeto

Apertura de Reserva de lotes da 51ª Festa do Carneiro ao Espeto

MORAÑA ABRE A RESERVA DE LOTES DA 51ª FESTA DO CARNEIRO AO ESPETO ATA O 17 DE XULLO PARA CELEBRAR O XANTAR DE EXALTACIÓN NAS CASAS

O Concello de Moraña xa ten practicamente todo perfilado para a celebración da 51ª Festa do Carneiro ao Espeto, que este ano será unha edición especial marcada exclusivamente polo criterio sanitario, e vén de anunciar a apertura do prazo de reserva dos tradicionais lotes de comida, protagonizados polos carneiros que se asarán ao aire libre no centro de Santa Lucía o vindeiro domingo 26 de xullo.
Así, dende o próximo luns e ata o venres 17 de xullo, as persoas interesadas xa poden facer as súas reservas para o xantar, que nesta ocasión non se compartirá na Carballeira de Santa Lucía por seguridade sanitaria e terá que ser recollido na xornada festiva dende as 13.30 horas para comer nas casas dos veciños. “É unha edición distinta, pero en vez de deixala pasar sen máis xa nos marcamos retos e ambicións e nos gustaría que ese día todos os fogares de Moraña compartan o carneiro e fagamos a comida máis multitudinaria da historia da festa coa participación dos 4.200 veciños unidos na distancia en torno ao noso embaixador, orgullo e sinal de identidade”, explicou a alcaldesa, Luisa Piñeiro.
O lote tradicional, para 20 persoas, mantén o seu prezo de 300€ e inclúe un carneiro asado, dúas empanadas, catro moletes de pan, doce botellas de viño tinto, doce botella de auga, unha botella de salsa especial para o asado e augardente. Sen embargo, nesta ocasión vaise ofrecer a posibilidade de adquirir medio lote, que sería para 10 persoas e terá un prezo de 150€, co obxectivo de adaptarse á realidade numérica de moitas comidas familiares. O seu contido incluirá medio carneiro, que soen pesar de 12 a 14 quilos, e unha rebaixa á metade dos demais produtos.
As reservas xa se poden facer nas sucursais bancarias de Moraña das entidades Santander, Abanca e Caixabank indicando como concepto “Reserva Lote LI Festa do Carneiro ao Espeto 2020” e engadindo nome e apelidos, DNI, número de teléfono e dirección postal do domicilio. Cómpre sinalar que as reservas atenderanse cronoloxicamente de xeito rigoroso e o Concello resérvase a posibilidade adiantar o peche do prazo se se alcanza unha cifra suficiente ou se se produce calquera outra circunstancia. Para solventar calquera dúbida pode chamarse ao Concello no 986 553005 de 9.00 a 14.00 horas.
Por outra banda, o Concello xa conta co cartel promocional desta 51ª edición, obra de Rafa Sierra e que, cun toque vintage, evoca á lonxevidade e ás antigas raíces da festa, e tamén deseñou un protocolo de seguridade sanitaria para os actos sociais da programación, que se darán a coñecer a vindeira semana. Así, e dado que todos os eventos serán en espazos ao aire libre, pero acoutados e con asento, será preciso a retirada gratuíta dun tique de acceso, que se poderá coller previamente na Casa da Cultura. Tamén se deberá acudir con mascariña, manter a distancia de 1,5 metros e realizar unha constante hixiene das mans.