O Xantar do Carneiro trasládase ás casas dos veciños

O Xantar do Carneiro trasládase ás casas dos veciños

MORAÑA MANTÉN O ASADO POPULAR DA 51ª FESTA DO CARNEIRO AO ESPETO E TRASLADA A COMIDA ÁS CASAS DOS VECIÑOS POR SEGURIDADE

O Concello de Moraña presentou o formato da 51ª Festa do Carneiro ao Espeto nun acto celebrado na Carballeira de Santa Lucía no que se confirmou que se manterá o asado popular ao aire libre dos carneiros o domingo 26 de xullo, pero a comida e degustación trasladaranse ás casas dos veciños por seguridade sanitaria e para respectar todos os protocolos de saúde e distancia no marco da nova normalidade.
Este anuncio foi realizado pola alcaldesa, Luisa Piñeiro, nun encontro cos representantes dos clubes e das asociacións deportivas e culturais que organizan actividades no marco da Festa do Carneiro ao Espeto e ao que tamén asistiron os concelleiros José Cela e María José García.
“Na fase de nova normalidade non podemos facer as mesmas cousas que antes, pero si que podemos facer cousas e por iso, con moita prudencia e responsabilidade, imos a organizar unha Festa do Carneiro ao Espeto segura, que axudará a manter os nosos costumes e favorecerá a reactivación económica e social”, explicou Piñeiro, que tamén se amosou ambiciosa con esta 51ª edición malia as limitacións sanitarias: “Imos tentar facer o xantar máis grande da historia da festa con 4.200 comensais, tantos como veciños, espallados por todos os fogares do concello. Estaremos todos diante dun prato de carneiro, co cal estaremos xuntos aínda que sexa na distancia”.
Deste xeito, e a falla de determinar se o asado dos carneiros se realiza na carballeira ou na explanada do Multiusos, algo que dependerá das cuestións sanitarias de distancia, está previsto que os comensais se acheguen ata a zona co seu vehículo a través dun carril seguro para levar o seu xantar para casa. Os lotes, que sairán á venda nos próximos días, manterán o seu prezo habitual de 300 euros para 20 persoas, pero nesta ocasión especial tamén haberá a opción de mercar medio, que será de 150 euros para 10 persoas, co obxectivo de adaptarse á realidade de moitas comidas familiares.
Polo demais, os representantes do Moraña CF, dos dous clubes de atletismo, da ADC Espeto e do colectivo cultural Seixebra anunciaron a suspensión de eventos tradicionais do Carneiro, como o Torneo de Fútbol, a Carreira Popular, o 3on3 de Básquet e o Festival Folclórico pola dificultade de celebralos de xeito seguro e por responsabilidade. A rexedora agradeceulles a súa prudencia e ofreceulles a total colaboración e apoio do Concello para retomalos coa maior das ilusións na agardada edición do ano 2021.
Finalmente, Piñeiro indicou que o lema promocional deste ano será “Carneiro ao Espeto, Sabor Seguro”, co que se pretende realzar o produto e deixar claro o criterio sanitario que guiará esta edición; engadíu que non haberá accións de promoción da festa para limitala o máximo posible aos veciños de Moraña; e rematou sinalando que nos vindeiros días se coñecerán as actividades do programa ademais do IX Espétalle un Pincho (11 de xullo), que serán de aforo limitado e nas que non figurarán nin verbenas nin eventos masivos.